O BNG de Ourense volve denunciar a situación económica do Concello tras coñecerse unha nova sentenza que obriga a pagar máis de 58.000 euros en xuros por facturas impagadas.
O Grupo municipal do BNG insiste en alertar sobre a «caótica situación económica e administrativa«. Ao seu xuízo, o Concello de Ourensevive esta situación desde a chegada de Gonzalo Pérez Jácome á alcaldía.
Ourense deberá pagar máis de 58.000 euros por impagos
A formación nacionalista advirte dunha “débeda oculta” que, malia ser negada polo rexedor, “vai saíndo á luz pouco a pouco”.
O portavoz municipal do BNG, Luís Seara, lembra que “hai poucos días desvelamos que o Concello tiña que pagar 60.000 euros de xuros por non devolver a subvención para o proxecto da nova sede do PERI na Praza da Trinidade”.
Nesta ocasión, o BNG informa dunha nova sentenza que dará a coñecer a Xunta de Goberno Local desta mañá. Trátase dunha reclamación presentada pola empresa Unvi Carroceros, S.L., proveedora de autobuses, que reclamaba xuros de mora polos retrasos nos pagos das facturas emitidas. A sentenza recoñece un importe de 58.028,61 euros que agora deberá asumir o Concello.

“Aínda que a contía poida parecer pequena, non debemos esquecer que cada euro pagado en xuros é un euro que se perde por mala xestión e que sae do peto de toda a veciñanza”, advertiu Seara.
O portavoz nacionalista critica que, lonxe das promesas iniciais de Jácome de “desenferruxar” a administración local, a realidade é que “o día a día do Concello de Ourense é cada vez máis caótico e lento”. Engade que a consecuencia directa desta situación é a perda constante de recursos públicos. “Desta volta, son 58.028,61 euros máis que engadir a unha conta que non deixa de medrar”.