A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou o pasado 19 de maio o proxecto de Ordenanza municipal que regulará as Zonas de Baixas Emisións (ZBE), abrindo un prazo de 10 días hábiles para a presentación de emendas.
O BNG rexistrou hoxe propostas para mellorar o texto e garantir unha aplicación máis xusta e efectiva.
O BNG propón melloras na Ordenanza das Zonas de Baixas Emisións de Ourense
Luís Seara, portavoz do grupo nacionalista, destacou que o BNG pretende “clarificar e definir mellor as medidas e definicións propostas”. Entre as súas emendas, salientan a necesidade de manter o Servizo da ORA máis alá do 1 de xaneiro de 2026. Consideran que “moitas rúas quedan fóra da améndoa da ZBE e contan con estacionamento regulado”.
Seara engadiu que “o obxectivo do servizo é garantir a rotación nos aparcamentos e cumprir coas recomendacións do PMUS de 2019”. Ademais, abriu a porta a discutir a gratuidade do servizo, pero subliñou que é esencial un control mínimo sobre o estacionamento.
Outro punto clave das emendas nacionalistas é evitar que a Ordenanza permita concesións privadas para xestionar zonas de estacionamento reservadas a vehículos de aluguer sen condutor. O BNG entende que “o espazo público non pode privatizarse nin a Ordenanza debe servir para financiar aparcadoiros privados”. Tamén cuestionan a eliminación de vías con acceso restrinxido e a nova denominación das vías peonís.
A formación nacionalista defende unha visión integral da mobilidade, considerando que “a mobilidade define o espazo urbano e é crucial para a calidade de vida e a sustentabilidade ambiental”, en palabras de Seara. Reiteran que o BNG aposta por “definir toda a cidade como unha ZBE, reducindo o tráfico privado e calmando o tránsito para baixar as emisións, en vez de limitarse a substituír os vehículos actuais por modelos eléctricos”.

A proposta do BNG inspírase no modelo de Pontevedra. Este modelo conta co aval do MITMA e representa unha solución integral para avanzar cara unha mobilidade máis sustentábel. Non obstante, Seara recoñeceu que a creación dunha ZBE en Ourense responde a unha esixencia legal. Seara insiste en que a súa implantación debe minimizar “os elementos discriminatorios descritos nas emendas”.