Noticias

O BNG propón medidas contra o encarecemento do alugueiro en Ourense

O grupo municipal do BNG levará ao Pleno do Concello de Ourense, previsto para este venres 2 de maio, unha proposta que busca facer fronte á crise de acceso á vivenda na cidade.

A formación nacionalista defenderá a creación dunha empresa pública municipal destinada á adquisición de inmobles para conformar un parque de vivenda pública.

O BNG propón medidas contra o encarecemento do alugueiro en Ourense

Ao tempo, solicitará a posta en marcha dunha Oficina de Emancipación Xuvenil. Esta oficina prestaría apoio ás mozas e mozos no proceso de procura de vivenda e independencia persoal.

O portavoz do BNG, Luís Seara, advertiu da “grave situación” que atravesa a cidadanía ourensá: “As veciñas e os veciños de Ourense padecen un dos alugueiros máis caros de toda Galiza. Nunca foi tan caro como até o de agora alugar unha vivenda no noso concello”, sinalou. Segundo os últimos datos, explicou, o prezo medio de aluguer incrementouse preto dun 55% na última década. Este pasou duns 350 euros en 2015 a aproximadamente 540 euros na actualidade, “unha suba palpable en todos os barrios da cidade”.

O BNG propón medidas contra o encarecemento do alugueiro en Ourense
Foto: BNG

Fronte a esta realidade, Seara insiste na responsabilidade das administracións: “Non poden permanecer alleas. Cómpre actuar para paliar unha escalada de prezos que ameaza seriamente á veciñanza, que xa non só debe destinar boa parte do seu salario ao alugueiro, senón que nin sequera atopa vivendas dispoñibles”.

O BNG lembra que xa solicitara a inclusión de Ourense no Plan de Vivenda Pública do Estado e da Xunta. Agora, propoñen dar un paso máis coa creación dunha empresa municipal con capacidade para adquirir inmobles e xestionar directamente unha oferta pública de vivendas.

Ademais, plantexan a creación dunha Oficina Municipal de Emancipación Xuvenil que actúe como punto de referencia para a mocidade que busca independizarse. Esta oficina ofrecería asesoramento na busca de vivenda, na sinatura de contratos de aluguer, na mediación cos propietarios e na xestión de trámites burocráticos. “Todas e todos vivimos este proceso nalgún momento da vida, e toda axuda é ben recibida”, indicou Seara.

A proposta pretende que a mocidade “sinta que tamén é parte do Concello de Ourense” e que atope no consistorio un aliado para iniciar o seu proxecto vital.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.