Noticias

O BNG pedirá explicacións pola tala das árbores de Noriega Varela

O BNG de Ourense esixirá explicacións en Xunta de Área sobre a tala das árbores da rúa Noriega Varela, no barrio das Lagoas, e reclamará ao Concello que aclare se coñecía previamente os traballos e que medidas prevé adoptar.

A formación nacionalista tamén pedirá a ADIF, responsable da infraestrutura ferroviaria, que xustifique a decisión de eliminar os exemplares, que formaban unha pantalla verde con máis de 50 anos de antigüidade e que, segundo o BNG, contribuía a reducir o impacto acústico do paso dos trens, ademais de favorecer a biodiversidade da zona.

O BNG pedirá explicacións pola tala das árbores de Noriega Varela

A concelleira nacionalista Erea Blanco defende que Ourense precisa incrementar os seus espazos verdes e cuestiona os motivos para eliminar unhas árbores que, segundo sinala, non supuxeran ata agora un perigo. O BNG tamén reclama coñecer se o Concello tiña información previa sobre a actuación e se contempla algunha medida para compensar a perda da masa arbórea.

O BNG pedirá explicacións pola tala das árbores de Noriega Varela
Foto: BNG

A formación nacionalista pon igualmente o foco na mobilización da veciñanza das Lagoas, que celebrou unha asemblea e posteriormente participou nunha protesta para tratar de frear a tala. O BNG considera que a falta de resposta das administracións evidencia unha desconexión coas demandas do barrio, que leva anos denunciando a perda progresiva do seu patrimonio verde.

Por último, o BNG reclamará a ADIF que valore alternativas menos lesivas antes de eliminar as árbores, como a poda selectiva ou o transplante dos exemplares, tendo en conta a súa función ambiental e como barreira acústica para a veciñanza.

Botón volver arriba