O BNG formaliza a querela contra o alcalde de Ourense por un presunto delito de falsidade documental pola sanción de tráfico imposta a un vehículo municipal.
Nun primeiro momento, o BNG acudiu ó Xulgado de Garda para presentar unha denuncia contra Pérez Jácome polo contido das gravacións. Nas mesmas, o alcalde solicita a uns funcionarios que se fagan cargo da sanción de tráfico.
O BNG formaliza a querela contra o alcalde de Ourense
Esa primeira denuncia foi contestada pola Xuíza do Xulgado de Instrución nº3 que solicitou á formación nacionalista que presentase unha querela e realizase un depósito de 2.000 euros. Iso foi precisamente o que fixo o BNG de Ourense que continúa desta forma coa vía xudicial.
Luís Seara, candidato do BNG á alcaldía de Ourense, acudiu acompañado dos deputados Noa Presas e Iago Tabarés e o avogado Xoan Antón Pérez Lema. «Ourense está nunha situación de emerxencia social e política provocada polos audios que se están a coñecer e no que se evidencian presuntos casos de corrupción que afectan á alcaldía», indicou Luís Seara.
A pesar da acción xudicial, Seara anima á cidadanía a mudar esta situación nas eleccións municipais. «A solución aos problemas non é quedarse na casa o día 28. Queremos trasladarlle a todas as veciñas e veciños votaran o que votaran no pasado que o próximo domingo hai que tomar unha decisión que é trascendental, escoller entre corrupción ou rexeneración, entre indecencia ou dignidade polo que nós facemos un chamamento para que o día 28 haxa unha rebelión social nas urnas que diga basta xa de caciquismo, de nepotismo e de corrupción e abrir as portas a aquelas organizacións, nomeadamente o BNG que somos bandeira da decencia e a rexeneración política».