Noticias

O BNG acusa o goberno de Ourense de ignorar os reparos económicos

O informe anual sobre reparos do 2024, que o Pleno do Concello de Ourense tratará este venres sen debate previo, revela graves deficiencias na xestión económica municipal, segundo denunciou esta mañá o Grupo Municipal do BNG en rolda de prensa.

Luis Seara, portavoz nacionalista, asegurou que o documento “ratifica o que levamos moito tempo advertindo: un Goberno local que incumpre sistematicamente a legalidade e antepón os seus intereses políticos á boa xestión”.

O BNG acusa o goberno de Ourense de ignorar os reparos económicos

Irregularidades reiteradas e ausencia de crédito

Seara fixo fincapé nas contratacións realizadas sen crédito suficiente, como as luces de Nadal ou as obras no Parque Coto de Canedo. Sobre este último proxecto, advertiu que “aínda que se aprobou unha modificación de crédito, o Concello segue sen dispoñer dos preto de 3 millóns de euros necesarios para afrontar os pagamentos”.

Tamén criticou o uso abusivo das atribucións temporais de funcións e a superación dos prazos legais establecidos, o que “revela unha xestión absolutamente improvisada e contraria á normativa vixente”.

Redución de tarifas e apropiación de méritos

O portavoz nacionalista criticou que a redución das tarifas do transporte público se decidise pola Xunta de Goberno Local cando a competencia correspondía ao Pleno. “Jácome quería apropiarse persoalmente do mérito, como adoita facer, aplicando a máxima de socializar os problemas e atribuirse os logros”, afirmou Seara.

Nóminas sen pagar: “un cálculo político”

Un dos aspectos que máis denunciou o BNG foi o retraso no pagamento dos pluses de nocturnidade e festividade a Policía Local e Bombeiros. Seara responsabilizou directamente ao alcalde: “Non foi un problema de Intervención, como intentaron facer crer, senón unha manobra política para desviar fondos a outras partidas en 2025”.

Segundo explicou, a tramitación da modificación de crédito 5P/2024 por máis de 4,7 millóns de euros non se fixo por urxencia, o que impediu o pagamento inmediato: “Jácome puido aceleralo e non o fixo porque pagar aos traballadores non era unha prioridade para el”.

O BNG acusa o goberno de Ourense de ignorar os reparos económicos
Foto: BNG

Inseguridade na Ponte e no Vinteún

En resposta ás preguntas dos xornalistas, Seara abordou a situación de inseguridade nos barrios da Ponte e do Vinteún. Afirmou que o BNG é consciente da preocupación veciñal e apelou a unha resposta institucional coordinada: “Son as forzas de seguridade quen debe garantir a seguridade, non os cidadáns”.

Condenou duramente a instrumentalización da situación por parte de grupos de extrema dereita: “Vemos con enorme preocupación como están a utilizar estas protestas para espallar discursos de odio, racismo e xenofobia, mesmo con persoas chegadas desde Madrid”.

Finalmente, advertiu de que o desmantelamento dos Servizos Sociais por parte do Concello “contribúe ao aumento de situacións límite, como drogodependencia ou senfogarismo, sen que se ofreza ningún apoio nin alternativas reais”.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.