Noticias

BNG e PSOE piden parar o derrube da Casa de Baños

O BNG e o PSOE de Ourense esixen a paralización inmediata das actuacións na Casa de Baños das Burgas e reclaman á Xunta de Galicia que adopte medidas urxentes para garantir a protección do inmoble, integrado no conxunto declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

O portavoz municipal do BNG, Luís Seara, cualificou o acontecido de “escándalo” e pediu á Xunta que actúe ante o que considera un posible incumprimento da normativa de patrimonio. As nacionalistas sosteñen que o Concello iniciou o derrube sen autorización de Patrimonio, segundo a documentación que manexan, e que a actuación podería vulnerar o artigo 54 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

BNG e PSOE piden parar o derrube da Casa de Baños

O BNG reclama que a Administración autonómica leve os feitos ao xulgado se se confirma que non se respectou a orde de protección existente. Seara tamén considera que poderían ser de aplicación as vías previstas no artigo 323 do Código Penal.

BNG e PSOE piden parar o derrube da Casa de Baños

“É rexeitable que calquera cidadán atente contra o patrimonio, e para iso están as leis. Pero resulta intolerable, ética e legalmente, que quen o faga sexa unha administración, que debe ser exemplar nas súas actuacións”, afirmou o portavoz nacionalista.

O BNG lembra ademais que xa denunciara o estado de abandono do inmoble. Segundo a formación, a Casa de Baños permaneceu durante anos exposta ás inclemencias meteorolóxicas, sen peche nin vixilancia suficiente para evitar accesos ou posibles expolios.

Seara cualifica o derrube como “o colofón a anos de desidia e abandono”. Critica que o Goberno de Gonzalo Pérez Jácome non executase os compromisos existentes para rehabilitar e poñer en valor o edificio.

O PSOE pide unha inspección urxente

Pola súa banda, o PSdeG-PSOE tamén reclamou a suspensión inmediata dos traballos. A voceira municipal socialista, Natalia González, rexistrou dous escritos ante as administracións competentes.

Un deles diríxese á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, á que solicita unha inspección presencial e urxente da Casa de Baños. Tamén pide comprobar as autorizacións patrimoniais existentes e adoptar as medidas necesarias para evitar novos danos.

“Non podemos esperar a que remate a demolición para saber se era legal”, advertiu González. A socialista subliñou que cada actuación irreversible sobre un elemento integrado nun BIC pode provocar unha perda patrimonial que xa non sexa posible reparar.

O PSOE reclama que a Xunta determine se o Concello dispón das autorizacións necesarias e, no caso contrario, ordene a suspensión das actuacións e protexa os elementos que aínda poidan conservarse.

Comparecencia do responsable de Urbanismo

Os socialistas solicitaron tamén ao Concello a convocatoria extraordinaria e urxente dunha Xunta de Portavoces e a comparecencia do concelleiro de Urbanismo e Patrimonio, Francisco Lorenzo.

O obxectivo é coñecer que actuacións se están executando, quen as autorizou, que informes técnicos e xurídicos existen e que comunicacións mantivo o Concello coa Xunta.

O PSOE pide ademais identificar, documentar e custodiar os elementos históricos retirados ou desmontados durante os traballos, especialmente as antigas bañeiras e outros elementos relacionados co uso termal do edificio.

“A Casa de Baños non é un edificio calquera. Forma parte do patrimonio histórico de Ourense e, por tanto, o Goberno municipal ten unha responsabilidade directa na súa conservación”, sinalou Natalia González.

O grupo socialista anuncia que continuará polas vías administrativas e legais para determinar se as actuacións contan con todas as autorizacións esixibles e, de ser necesario, reclamar as responsabilidades correspondentes.

Botón volver arriba