O BNG de Ourense cualifica de “tomadura de pelo” o novo refuxio climático da avenida Otero Pedrayo e reivindica o soterramento integral da vía como unha actuación transformadora para combater as altas temperaturas e recuperar espazo público.
A Xunta e o Concello de Ourense iniciaron as obras deste denominado “refuxio climático urbano”, cun investimento de 340.000 euros.
O BNG cualifica de “tomadura de pelo” o refuxio climático de Otero Pedrayo
O proxecto contempla a instalación de 55 xardineiras prefabricadas de formigón, a substitución de superficies sintéticas por céspede natural nas rotondas e a plantación de arbustos e árbores. Segundo as previsións municipais, estas actuacións permitirán reducir a percepción térmica en polo menos tres graos.

O portavoz municipal do BNG, Luís Seara, considera insuficiente a intervención. “Plantar árbores sempre está ben, pero xa vai sendo hora de apostar por proxectos transformadores en Ourense”, afirmou. Na súa opinión, “non se pode considerar refuxio climático a pór un par de árbores e unhas xardineiras”.
Seara tamén cuestionou a relación entre o Goberno local e a Xunta. “O alcalde non fai máis que queixarse do maltrato da Xunta, pero é incapaz de dar un golpe na mesa”, sinalou. O nacionalista considera que o apoio do executivo municipal ao PP non está a traducirse, ao seu xuízo, en investimentos suficientes para a cidade.
O soterramento como alternativa
Fronte ao proxecto actualmente en marcha, o BNG volve reivindicar o soterramento integral da avenida Otero Pedrayo, unha proposta que a formación leva anos defendendo. En maio de 2025, o deputado Iago Tabarés xa instara a Xunta e Concello, a través dunha iniciativa parlamentaria, a impulsar esta actuación.
Segundo os nacionalistas, o soterramento permitiría liberar a superficie actualmente ocupada polo tráfico e destinala a parques, zonas de lecer, espazos verdes e áreas para a cidadanía. Ademais, consideran que contribuiría a mellorar a seguridade viaria nunha zona cun importante tránsito peonil.
“Máis zonas verdes, máis parques, máis espazo para a cidadanía. Iso si que é un verdadeiro refuxio climático”, defenden desde o BNG.
A formación considera que Ourense precisa actuacións estruturais para afrontar as temperaturas extremas e non só intervencións puntuais. “Ourense non só precisa refuxios climáticos, precisa alcaldes que se fagan respectar, non alcaldes que se queixan en público pero tragan en privado”, concluíu Luís Seara.

