Noticias

O Campamento Urbano de Amencer supera os 1.000 participantes

O Campamento Urbano de Amencer alcanza este ano a súa 39ª edición con máis de 1.000 participantes, entre nenos, mozos e monitores, consolidándose como unha das principais propostas de lecer do verán en Ourense.

A iniciativa, organizada pola Asociación Xuvenil Amencer coa colaboración do Concello, ofrece actividades gratuítas do 3 ao 13 de agosto.

O Campamento Urbano de Amencer supera os 1.000 participantes

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Educación, Tamara Silva, saudaron esta mañá nas escaleiras de Santa María Nai os participantes no campamento.

O Campamento Urbano de Amencer supera os 1.000 participantes
Foto: Concello de Ourense.

Jácome destacou o «tremendo labor» desenvolvido por Amencer e polos Salesianos ao longo de décadas. O rexedor salientou que varias xeracións de ourensáns pasaron por esta actividade e asegurou que «para os que pasamos o verán en Ourense é unha marabilla contar con este campamento».

Pola súa banda, Tamara Silva destacou o crecemento anual do número de participantes e o feito de que moitos repitan ata converterse posteriormente en monitores. «Estamos encantados de colaborar desde o Concello de Ourense con Amencer», afirmou.

Unha xornada para coñecer os servizos públicos

A visita institucional coincidiu coa celebración do Día da Boa Xente, unha xornada na que os participantes poden coñecer de preto o funcionamento dos servizos públicos e compartir experiencias cos seus profesionais.

A Praza Maior acolleu unha mostra de vehículos e medios humanos da Policía Local, Policía Autonómica, Policía Nacional, Garda Civil, Bombeiros, Protección Civil, Cruz Vermella, 061, servizos municipais de limpeza, autobuses urbanos e Medio Rural da Xunta.

O programa do Campamento Urbano inclúe tamén outras propostas temáticas, como o Día da Benvida, Cultura Urbana, Deportes, Xuntanza na Praia, Entroido por Barrios ou o Día da Provincia.

Botón volver arriba