O Salón de Plenos do Concello de Ourense acolleu esta mañá a presentación da 38ª edición do Campamento Urbano que organiza a Asociación Xuvenil Amencer.
Esta actividade conta coa colaboración da Concellaría de Xuventude e doutras entidades e empresas locais.
Campamento Urbano Amencer 2025: nove días de lecer e aprendizaxe
No acto interviñeron o alcalde Gonzalo Pérez Jácome; a concelleira de Xuventude, Tamara Silva; os coordinadores do campamento Javier Carballo e Pedro Conforto; o coordinador da Asociación Amencer, Xulio Vilar; e o seu xerente, Xulio César Iglesias Blanco.
Do 1 ao 13 de agosto, baixo o lema “Unha historia con futuro”
A actividade desenvolverase do 1 ao 13 de agosto e está dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 16 anos. Será obrigatoria este ano a inscrición previa a través da web da asociación Amencer.

As rapazas e rapaces maiores de 15 anos poderán participar tamén no Campamento Urbano Xuvenil, que decorrerá nas mesmas datas.
Baixo o lema “Unha historia con futuro”, o campamento ofrecerá nove días de actividades de mañá, tarde e, no caso dos maiores de 15 anos, tamén de noite. Tres destas xornadas terán horario completo (de 10:30 a 19:30 horas) e as restantes dividiranse entre sesións de mañá (10:30 a 13:30 h) e de tarde (16:30 a 19:30 h).
Cada día contará cunha temática diferente:
- Día da Benvida
- Día da Cultura Urbana
- Día da Provincia
- Día do Parlamento
- Día da Xuntanza/Praia
- Día do Centro Histórico / Noite dos pequenos
- Día dos Parques
- Día da Auga / Despedida de maiores
- Día da Despedida
Compromiso coa mocidade
A concelleira Tamara Silva destacou a importancia desta iniciativa como “referente na programación estival da cidade” e puxo en valor a súa continuidade e impacto social. Pola súa parte, os representantes da Asociación Amencer subliñaron que o campamento é “un espazo de encontro, aprendizaxe e diversión, aberto a toda a mocidade ourensá”.