A Asociación Cultural Rebulir, co apoio da Deputación de Ourense e a colaboración do Concello de Ramirás, pon en marcha unha nova edición do ciclo “Cantamos ó Maio”.
O ciclo cultural inclúe obradoiros, saídas, animación e actividades divulgativas durante todo o mes de maio.
Rebulir celebra a tradición con “Cantamos ó Maio”
Este programa busca recuperar e dinamizar as celebracións tradicionais dos Maios na comarca da Baixa Limia – Celanova. A actividade desenvolverase ao longo de todo o mes de maio, con propostas pensadas para públicos de todas as idades.
A programación arrancará o 3 de maio cun obradoiro de coplas dos Maios e un mercadiño tradicional. Estes servirán de pistoletazo de saída a un mes cheo de cultura, natureza e memoria colectiva. O día 4 de maio, terá lugar unha saída cultural para coñecer os Maios de Laza e Ourense cidade. Xa o 10 de maio, será a quenda da música e baile tradicional de Rebulir, que encherá as rúas coa súa animación.
O ciclo continúa o 17 de maio cunha nova saída cultural a Ramirás Raigame, e culminará un dos seus momentos máis destacados o 25 de maio, coa celebración do Roteiro e Obradoiro “Prantas comestibles”, na área recreativa do río Arnoia (A Pontenova – Ramirás). Esta actividade combina divulgación, natureza e saber tradicional. O obradoiro permitirá ás persoas participantes identificar plantas comestibles autóctonas, coñecer os seus usos e aprender a recoñecelas no seu medio natural.
A clausura do ciclo está prevista para o 31 de maio, cun obradoiro de chaveiros de madeira. Péchase así un mes dedicado á expresión cultural galega, á natureza e á transmisión interxeracional do patrimonio inmaterial.

A maiores, Rebulir xa traballa na organización da Verbena do Rella, un dos seus eventos máis populares, que se celebrará o 5 de xullo en Vilavidal. Esta cita, xa consolidada no calendario festivo da comarca, contará cun cartel destacado e grupos musicais de referencia no panorama galego.
“Cantamos ó Maio” reafírmase como unha proposta que conxuga tradición e innovación, coa mirada posta na revitalización do rural e a posta en valor das nosas raíces culturais.