Case 3.000 firmas foron entregadas no Congreso dos Deputados para solucionar o problema de Peliquín coa eliminación do paso a nivel sobre a vía do tren.
O proxecto actual que se vai executar no barrio de Peliquín inclúe a eliminación do actual paso a nivel para vehículos e a instalación dun paso elevado para a veciñanza.
Case 3.000 firmas para solucionar o problema de Peliquín
Este paso elevado tería unha altura de ata sete metros e estaría situado a 400 metros do paso actual. A veciñanza de Peliquín leva tempo loitando para que se modifique este proxecto pois «illaríase a todas as veciñas e veciños de Peliquín que perderían a comunicación coa zona de Oira e mesmo co resto da Ponte».
A Asociación de veciños de Peliquín puxo en marcha nas últimas semanas unha recollida de firmas para solicitar un novo proxecto que inclúa un paso soterrado. Este estaría no mesmo lugar do actual e contaría con espazo para vehículos e peóns.
Ricardo Vázquez, presidente da Asociación de Veciños, entregou as 2.892 firmas acompañado de Luis Seara, candidato do BNG á alcaldía de Ourense, e de Néstor Rego, deputado no Congreso. Seara recordou que «desde o primeiro momento que tivemos coñecemento da problemática, puxémonos ao carón da veciñanza pois entendemos que o que piden é xusto e está máis que xustificado».
Tras entregar as firmas, Ricardo Vázquez pide que «logo da resposta masiva da veciñanza, o ADIF recapacite, atenda as nosas demandas e modifique o proxecto inicialmente previsto. Segundo temos consultado con técnicos e expertos na materia, o soterramento é perfectamente viable polo que non imos renunciar a el».