A carreira popular do barrio do Vinteún, incluída no circuíto Correndo por Ourense 2025, obrigará a cortar e restrinxir o tráfico este domingo, 27 de abril, durante toda a mañá.
A proba deportiva está organizada polo Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense e reunirá participantes de todas as idades.
Cortes de tráfico no Vinteún polo «Correndo por Ourense»
As competicións comezarán ás 11.00 horas coa categoría Pitufos. Cinco minutos máis tarde, ás 11.05 h, será a quenda dos corredores e corredoras Sub10 e Sub12. Ás 11.15 tomarán a saída as categorías Sub14 e Sub16, e finalmente, ás 11.30 h, comezará a carreira absoluta, que abrangue desde Sub18 ata Máster.
O dispositivo da Policía Local prevé o peche ao tráfico das rúas polas que discorre a carreira a partir das 10.00 horas. As vías afectadas serán: Rúa Madre Soledad de la Cruz, Avenida de Santiago, rúa do Vinteún, rúa Río Corzos, rúa Río Mao, rúa Bellao, Rúa Río Cobas e Rúa Río Camba. O tráfico permanecerá interrompido ata a finalización das probas.

Como alternativas de circulación, habilítanse catro itinerarios:
- Avenida de Santiago en sentido ascendente: rúas Río Arnoia, Río Támega, Río Avia, Río Sil, Río Búbal, Río Limia e regreso á Avenida de Santiago.
- Avenida de Santiago en sentido descendente: rúas Río Limia, Alejandro Pedrosa, Río Arnoia e novamente Avenida de Santiago.
- Río Camba: desvío habilitado pola estrada de Oira.
- Rúa do Vinteún: desvíos pola estrada de Barra de Miño ou pola N-525 a través do polígono dos Coiñás.
A Policía Local recomenda planificar con antelación os desprazamentos e seguir as indicacións do persoal de seguridade para minimizar as molestias e garantir o bo desenvolvemento da proba.