O BNG celebrou o Día das Letras Galegas anunciando que a Cultura terá un maior peso no próximo mandato si teñen responsabilidades de goberno.
A proposta realizada desde o BNG indica que a recuperación da concellería de Cultura levaría parella unha subida de rango para situala como Vicealcaldía.
A Cultura terá un maior peso no próximo mandato
«Unha vez tomemos posesión dos nosos cargos e comecemos co deseño do novo Goberno, a Cultura non soamente recuperará o seu nome senón que a elevaremos ao rango de Vicealcaldía xa que queremos darlle o valor e a importancia que sen dúbida ten que ter» destacou Luis Seara, candidato á alcaldía de Ourense.
Seara destacou que «a cultura é democratizadora na medida en que iguala ás persoas, é xeradora de dinamismo social e contribúe a xerar colectivo máis tamén temos que vela como un elemento xerador de riqueza e emprego».
Esta iniciativa permitiría recuperar todas as actividades perdidas durante os últimos anos. «Unha vez asumamos as responsabilidades de goberno recuperaremos todo o ciclo festivo perdido neste catro anos, estamos a falar da MOTI, o FITO, Corpo á Terra, Pórtico do Paraíso, Outono fotográfico, e moitos máis eventos que fixeron que Ourense fose referencia durante moitos anos».
O acto realizado polo BNG no Día das Letras Galegas tivo lugar ás portas do Museo Municipal. Ademais de reabrir este espazo, Luis Seara anunciou que tamén recuperarían a Universidade Popular.