A sesión celebrarase este luns ás 19:00 horas en Vista Hermosa e contará co testemuño dunha supervivente de mieloma múltiple.
Asotrame organiza este luns, 26 de outubro, unha charla sobre a doazón de medula ósea en Ourense, coa colaboración da Asociación de Veciños Vista Hermosa e o apoio da Deputación.
Asotrame organiza unha charla sobre doazón de medula ósea en Ourense
A sesión, titulada «Como salvar unha vida a custo cero», comezará ás 19:00 horas e estará aberta a toda a cidadanía.

Alba García, traballadora social de Asotrame, explicará o proceso de doazón de células nai do sangue e resolverá dúbidas sobre un procedemento que pode salvar vidas. Ademais, Flor Romero, supervivente de mieloma múltiple e transplantada, compartirá a súa experiencia persoal.
A entidade lembra que o 70 % dos pacientes que necesitan un transplante e non dispoñen dun familiar compatible dependen da procura de persoas doadoras voluntarias a través do Rexistro de Doadores de Medula Ósea (Redmo).
A charla tamén permitirá coñecer o labor de Asotrame Galicia, asociación de persoas con enfermidades oncohematolóxicas fundada en 2013, e sensibilizar sobre a importancia da doazón.

