O Concello de Ourense comezará o vindeiro luns, 10 de agosto, a entregar as entradas e as lentes homologadas ás persoas inscritas para asistir á observación da eclipse solar prevista para o mércores, 12 de agosto, a partir das 19.30 horas, no Parque de Montealegre.
A actividade organízase en colaboración coa Asociación Astronómica de Ourense.
O Concello de Ourense entrega entradas para observar a eclipse solar
As persoas con reserva confirmada poderán recoller o seu acceso e as lentes de protección na Oficina de Turismo, situada na Praza de San Martiño. Será desde o luns ata o mércores, en horario de 9.00 a 14.00 horas, presentando o código de inscrición recibido por correo electrónico. Tamén estarán dispoñibles o propio mércores pola tarde xunto ao aparcadoiro do Auditorio ou na entrada do parque.

Para facilitar o acceso ao recinto, o Concello habilitará un autobús lanzadeira gratuíto entre o Auditorio e Montealegre. O servizo de subida será de 18.00 a 20.00 horas e o regreso de 21.00 a 22.00 horas. Ademais, o aparcadoiro do Auditorio será gratuíto ata as 23.00 horas e establecerase un sentido único de circulación entre a Fonte dos Caños e o cruce do Camiño Rapaces con Montealegre, entre as 18.00 e as 23.00 horas.
A organización lembra que será obrigatorio empregar lentes homologadas para observar as fases parciais da eclipse. Os menores de 6 anos non poderán acceder e o resto deberán ir acompañados dunha persoa adulta. Tamén se solicita evitar camiñar mirando ao ceo, seguir as indicacións da organización e respectar a contorna natural do Parque Botánico.

