Entrevistas

Entrevista a Patricia Domínguez, candidata á secretaría provincial do PSdeG-PSOE en Ourense

Avogada de profesión e alcaldesa da Pobra de Trives desde 2019, Patricia Domínguez aspira a liderar o PSdeG-PSOE na provincia de Ourense cunha candidatura que combina experiencia institucional e vocación de renovación.

Gobernou en minoría durante o seu primeiro mandato e conseguiu a maioría absoluta en 2023, consolidando así a súa traxectoria política.

Entrevista a Patricia Domínguez, candidata á secretaría provincial do PSdeG-PSOE en Ourense

A súa participación na executiva provincial do partido con Rafael Rodríguez Villarino e nas dúas últimas direccións galegas de José Ramón Gómez Besteiro, así como o seu papel actual na dirección da Federación Galega de Municipios e Provincias, acreditan un perfil político cun fondo coñecemento da realidade local e autonómica.

Foto: Patricia Domínguez

Que a motivou a presentarse a estas primarias?

Coido que é o momento de reaccionar ante a resignación e de atreverse a facer as cousas dun xeito diferente para que os resultados sexan distintos, mellores; porque o tempo que malgastamos en liortas internas é tempo de goberno que lle regalamos ao PP, e porque é preciso acometer unha necesaria renovación, na que todos e todas coincidimos. A cuestión é como facela. Renovar non é substituír ao anterior secretario xeral por quen aínda hoxe segue a ser o seu número dous.

Como definiría, en tres palabras, o seu modelo de liderado?

Se só podo usar tres, elixo estas: renovación, reacción e optimismo. Se me deixas expandirme un pouco máis, engadiría que o que propoño é unha renovación real e unha reacción optimista, que é como miramos ao futuro; respectuosa cos compañeiros e compañeiras, honesta coa cidadanía que nos vota e coa que nos deixou de votar para que volva facelo, especialmente a mocidade.

Cal cre que é o principal problema que afronta agora o PSOE en Ourense?

Imos ver. Coido que en Ourense estamos mellor do que reflicten os resultados electorais, pero non podemos obvialos. Foron malos, sen paliativos, os peores da historia nalgúns casos: un só escano no Parlamento de Galicia, cuarta forza nas autonómicas na cidade, seis edís en Ourense e afastándonos cada día máis de gobernar a Deputación. Como partido, somos útiles cando gobernamos, pero ás veces parecemos empeñados en camiñar na dirección contraria, como está a ocorrer no Pazo Provincial, no Concello de Ourense ou mesmo en vilas historicamente socialistas como Ribadavia, onde por primeira vez o PP goberna con maioría absoluta.

Entrevista a Patricia Domínguez, candidata á secretaría provincial do PSdeG-PSOE en Ourense
Foto: Patricia Domínguez

Considera que o partido está ben conectado coa sociedade ourensá? Que fallou nas últimas eleccións municipais e xerais?

Se nos atemos aos resultados, temos unha marxe moi ampla para mellorar a nosa conexión coa sociedade, aínda que esta análise non se pode xeneralizar, pois seguimos a gobernar importantes vilas. Pero non podemos ocultar a perda de 50.000 votos nas autonómicas desde 2011 ou 10.000 na cidade de Ourense; ou a perda de vilas como Ribadavia, onde levabamos gobernando máis de doce anos. Pero tampouco temos só un problema de resultados, senón tamén de xestión dos mesmos. Eu son incapaz de explicarlle a ninguén que despois de corenta anos de maiorías absolutas e desgoberno na Deputación, o PP siga gobernando a institución en minoría. Hai seis anos que perdeu a maioría absoluta, pero aí segue. Nós temos unha parte de responsabilidade.

Por iso, fronte ao conformismo de quen considera que a nosa misión é só negociar co PP mentres segue gobernando, nós apostamos por unha oposición en positivo, rotunda, sen concesións, que nos converta en alternativa e non en soporte dun goberno provincial nefasto, que non merece o aprobado que ten recibido de alguén que aspira a liderar o Partido Socialista nesta provincia e que debería ser, precisamente por iso, a alternativa ao PP.

⁠Que medidas concretas propón para revitalizar as agrupacións locais e mellorar a participación da militancia?

Un novo modelo de partido, máis unido e participativo, con máis agrupacións e máis próximo a elas; cunha dirección activa e valente; no que sexamos capaces de recuperar a confianza; primeiro entre nós, fomentando o debate pero desterrando as deslealdades; e logo na rúa, recuperando os milleiros de votos que nos fomos deixando polo camiño durante os últimos anos. Temos que ser quen de construír un proxecto político feminista que acade máis benestar, liberdade, igualdade, prosperidade e democracia na nosa provincia e que nos permita, dunha vez por todas, acadar o goberno da Deputación e volver ser a primeira forza na cidade. Lembro que o fomos hai só seis anos, nas municipais de 2019, e pasamos a ser a terceira só catro anos despois, nas de 2023.

Que papel debería xogar o PSOE na defensa dos servizos públicos na provincia (sanidade, educación, transporte…)?

Os socialistas debemos ser uns defensores firmes dos servizos públicos en Ourense, unha provincia que sofre despoboamento e abandono institucional. É clave que lideremos propostas para garantir unha sanidade de proximidade, unha educación pública digna e un transporte adaptado ao rural. Tamén debemos escoitar á cidadanía, colaborar co tecido asociativo e fiscalizar con máis intensidade á Xunta e a Diputación para frear recortes. A nosa acción debe ser útil, próxima e comprometida co benestar da veciñanza. É momento de que o PSOE recupere a iniciativa, con propostas claras e valentes que poñan a Ourense no centro da política galega.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.