Desde o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova esixen a retirada dun símbolo franquista que segue en pé no Outeiro da Obra.
Para este comité, este símbolo de exaltación do golpe, a guerra e a ditadura debe ser retirado de inmediato.
Esixen a retirada dun símbolo franquista en Celanova
A Ley de Memoria democrática de 2022 e as recomendacións da ONU ó Estado Español apoian a petición de retirar este símbolo contrario ás políticas de verdade, xustiza e reparación.
«A los combatientes de la parroquia de Celanova caídos por Dios y por España». Esta é a lenda que figura no lugar onde figura a cruz dos caídos, o escudo franquista e o emblema da Falange Española. Este conxunto foi inaugurado en agosto de 1939 para render homenaxe ós mortos do bando sublevado. Segundo recolle a crónica dun xornal o 30 de setembro, no discurso do comandante indicou: «Señor alcalde, yo espero que sabréis perpetuar esta cruz que nosotros os legamos como recuerdo de nuestros muertos».
Trala elaboración dun informe sobre o este símbolo, o Comité de Memoria Histórica presentou en 2021 máis de 1.500 peticións para retirar este símbolo. O Comité presentou o informe na Subdelegación do Goberno en maio de 2021 e rexistrou no concello de Celanova un escrito solicitando aplicar a lei sen obter resposta.
Nun pleno celebrado o 30 de novembro de 2022, a corporación aprobou unha moción para retirar este símbolo. O resultado foron tres votos a favor dos concelleiros do BNG e PSdeG-PSOE e a abstención dos demais. Vinte meses despois, o acordo non se cumpriu.
Ante esta situación, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova indica que seguirá a «esixir a retirada de toda a simboloxía franquista e fascista, así como impulsar a creación ou resignificación dos lugares da memoria».