As estafas telemáticas en Ourense medraron un 12,5 % o pasado ano, segundo advertiu o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, durante a presentación dunha charla informativa dirixida a persoas maiores.
A actividade, organizada pola Policía Nacional en colaboración coa Subdelegación do Goberno e a Asociación Mulleres +60, celebrouse no Liceo de Ourense.
Aumentan as estafas telemáticas en Ourense un 12,5 %
A iniciativa enmárcase no Plan Maior do Ministerio do Interior, un programa orientado á prevención e mellora da seguridade das persoas maiores. A sesión abordou recomendacións prácticas para evitar fraudes en distintos ámbitos da vida cotiá, como o fogar, a vía pública, as entidades bancarias, as viaxes ou internet.

No acto participaron tamén a presidenta da Asociación Mirada Mulleres +60, María Antonia Rinlo, e o inspector xefe de Participación Cidadá da Policía Nacional en Ourense, Felipe Rodríguez, quen ofreceron pautas sinxelas para detectar posibles riscos.
Durante a súa intervención, Santos alertou de que “os ladróns e os estafadores buscan aproveitarse das persoas vulnerables, pero o Goberno de España traballa para poñerlle freo a estes delitos con información e prevención”. Ademais, destacou a importancia da concienciación cidadá como ferramenta clave para reducir este tipo de delitos.
O subdelegado tamén puxo en valor o labor divulgativo das forzas de seguridade: “Os axentes fan un importante traballo para protexer e informar á xente maior, esencial para frear a inseguridade”, afirmou.
Recomendacións clave para evitar fraudes
O Ministerio do Interior lembra unha serie de consellos básicos para reforzar a seguridade das persoas maiores:
En entidades bancarias:
- Non levar as claves anotadas.
- Tapar o teclado ao introducir o PIN.
- Evitar retirar grandes cantidades de diñeiro.
- Acudir acompañado para operacións importantes.
En viaxes:
- Manter sempre controlada a equipaxe.
- Non confiar maletas a descoñecidos.
- Levar só o imprescindible.
No domicilio:
- Non abrir a porta a persoas descoñecidas.
- Verificar a identidade de técnicos ou supostos empregados.
Na vía pública:
- Circular pola parte interior da beirarrúa.
- Non exhibir obxectos de valor.
- Desconfiar de ofertas demasiado vantaxosas.
En internet:
- Non facilitar datos bancarios por mensaxes sospeitosas.
- Evitar compras en webs non seguras.
- Extremar a precaución nas redes sociais.
