A Exposición Mexicráneos estará situada na rúa do Paseo dende hoxe ata o día 11 de novembro. Esta mostra é froito da colaboración entre o Grupo Albia e o concello de Ourense.
Seis cranios xigantes forman esta exposición que inspirada na cultura azteca e mexicana, mostra a arte que posúe a cultura funeraria.
Exposición Mexicráneos na rúa do Paseo
Esta exposición xa percorreu algunhas das maiores cidades de España (Madrid, Sevilla, etc…) e chega agora a Ourense.
Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, destacou que «coincide coas celebracións de Todos os Santos e Fieis Difuntos, e coa festa de Halloween, que estamos a potenciar desde o concello». Sobre o valor artístico da mostra, Jácome afirma que «é unha exposición coa que todos os ourensáns se sorprenderán e tamén coñecerán máis acerca da cultura mexicana».

Pola súa parte, o xerente do grupo Albia, Rubén Divos puxo de manifesto «o éxito que está a ter esta exhibición artística é incomparable, en todas e cada unha das cidades que visitamos tivo unha grande acollida». Unhas das razóns para que esta exposición sexa un éxito é a relación entre Galicia e México. «A nosa relación con Galicia sempre foi moi estreita».