Eventos

As Festas da Ponte 2026 apostan por grandes orquestras e espectáculos

As Festas da Ponte 2026 contarán cunha ampla programación musical, escénica e festiva que se desenvolverá entre os días 24 e 26 de xullo no barrio ourensán da Ponte.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, presentou esta mañá o cartel de actividades e asegurou que esta edición contará cunha das propostas máis destacadas da historia desta celebración.

As Festas da Ponte 2026 apostan por grandes orquestras e espectáculos

O programa inclúe as actuacións de tres das orquestras máis recoñecidas do panorama estatal e galego: Combo Dominicano, La Misión e París de Noia, ademais dunha sesión especial da discoteca móbil A Gramola, unha das máis populares de Galicia.

A programación arrancará o venres 24 de xullo coa representación de “Quimera”, un espectáculo de rúa da compañía de Pablo Méndez, referente nacional nos grandes formatos escénicos e cunha traxectoria de máis de dúas décadas. A continuación, será a quenda de Combo Dominicano na Avenida de Santiago.

O sábado 25 de xullo terá especial protagonismo o ilusionismo. O mago galego Pedro Volta ofrecerá unha homenaxe ao lendario Harry Houdini coincidindo co centenario do seu falecemento. A actuación desenvolverase na Ponte Romana, o mesmo escenario desde o que se lanzará a tradicional sesión de fogos artificiais.

A noite completarase coa actuación da orquestra La Misión e coa sesión de DJs de A Gramola, que animará a madrugada na rúa Vicente Risco.

As festas concluirán o domingo 26 de xullo coa actuación de París de Noia, encargada de poñer o peche musical a tres días de celebracións organizadas polo Concello de Ourense.

Programación das Festas da Ponte 2026

Venres, 24 de xullo

  • 22:15 h | Quimera, espectáculo de rúa de Pablo Méndez (Parque Ribeira de Canedo)
  • 23:30 h | Orquestra Combo Dominicano (Avenida de Santiago)

Sábado, 25 de xullo

  • 22:00 h | Pedro Volta: Homenaxe a Houdini (Ponte Romana)
  • 22:45 h – 23:45 h e 00:15 h – 02:15 h | Orquestra La Misión (Avenida de Santiago)
  • 23:59 h | Fogos artificiais (Ponte Romana)
  • 00:15 h – 03:15 h | A Gramola Sesión DJ’s (Rúa Vicente Risco)

Domingo, 26 de xullo

  • 21:00 h – 00:00 h | Orquestra París de Noia (Avenida de Santiago)
As Festas da Ponte 2026 apostan por grandes orquestras e espectáculos

Botón volver arriba