O Concello de Ourense iniciou as obras de humanización integral do núcleo da Lonia. Esta actuación contará cun investimento de 852.821 euros e un prazo de execución de seis meses.
Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, e o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, asistiron ao comezo dos traballos.
O Concello inicia a humanización integral da Lonia
A actuación contempla a renovación das principais infraestruturas básicas, entre elas as redes de saneamento, abastecemento, baixa tensión, iluminación pública e telefonía. Tamén se renovarán os pavimentos para adaptar os espazos ás características do núcleo rural.

O proxecto busca revitalizar a Lonia e dar maior protagonismo aos peóns, creando tamén novos espazos para a reunión veciñal. As rúas, de reducido tamaño, contarán con plataformas únicas que permitan compatibilizar o tránsito peonil co tráfico rodado.
No abastecemento substituirase o actual fibrocemento por fundición dúctil, mentres que o saneamento renovarase e as liñas de telefonía quedarán soterradas. Ademais, mellorarase o alumbrado público.
“Iniciamos unha gran obra no rural de Ourense, na Lonia”, afirmou Jácome, que destacou que se trata dunha actuación “que a veciñanza leva moitísimo tempo agardando”.
Pola súa banda, Francisco Lorenzo sinalou que esta intervención supón o inicio dunha “nova batería de obras na cidade de Ourense” e destacou a importancia de actuar de forma integral sobre as redes de servizos e os espazos públicos.
As obras serán financiadas maioritariamente polo Concello de Ourense, cunha achega de 4.500 euros da Deputación de Ourense a través do Programa especial de cooperación ás obras promovidas polo Concello de Ourense 2025-2026.

