Idades e avatares dunha pianista. Artigo de Salomé Garrido, titulada Superior en Piano.
Teño a grandísima sorte de sentirme valorada a nivel profesional pola xente que me rodea a día de hoxe. Digo a día de hoxe porque non sempre foi así e creo que nisto, temos un punto en común todos os estudantes de música. Esta desestimación por parte da xente allea á música parte en todo momento da desinformación sobre o que abrangue á educación musical neste país.
A educación musical regrada comeza nos conservatorios normalmente ós 8 anos, moitos xa se mergullan en actividades musicais educativas dende idades anteriores, e con ela unha esixencia lectiva case que terrorífica se falamos de combinala co colexio e que medra cada curso como unha bola de neve.
Idades e avatares dunha pianista
Pero a falta de información non só existe en relación a ese sistema híbrido de educación entre o colexio ou instituto e un conservatorio, se non que hai outra máis voraz e desalentadora: o descoñecemento do oficio de músico. Ós meus 12 anos un profesor foi tan valente de rirse de min ante a clase enteira no momento en que dixen que de maior quería ser pianista. Ano tras ano tiña que tronzar as ideas de esa comunidade educativa allea á educación musical de que os conservatorios son recintos habitados por músicos afeccionados que nunca chegarán a ser profesionais, porque como tanto me repetían, ese oficio era imposible.
Por aí fora non é así. En diversos países de Europa, os conservatorios en moitos casos están xa integrados nos propios colexios, polo que a compatibilización lectiva e a comprensión da disciplina por parte da comunidade é plena.
Cando xa levas dez anos de estudo nun conservatorio profesional e queres facer o grado pasas ó conservatorio superior, onde eses problemas mencionados anteriormente se difuminan e comezan a perfilarse novos avatares. Sendo pianista, o que máis me comía a cabeza nos meus anos de superior foi sempre o ambiente de competición que se xeraba nas aulas. Inda que eu tratara de permanecer allea, estes comportamentos sempre aparecían no proceso educativo distraendo o que era realmente importante: o avance persoal. Todos evolucionamos de formas distintas e a ritmos distintos, e todos somos válidos nas nosas diferenzas. Deberíamos poder celebrar esas diversidades individuais coma un calidoscopio de habilidades da comunidade educativa e non coma un combate no que ó final só pode quedar un.
Chegado o momento en que xa tes un papel que di que levas 14 anos estudados e que te acredita como pianista chegas ó mundo laboral pero: ai! Es unha tía!
Eu son devota, entusiasta, admiradora e fan da verbena, porque a verbena é cultura. E é por iso que calquera oportunidade de traballar en charangas a min fáiseme mel nos beizos. En todas as charangas nas que participei sempre fun a persoa con máis formación musical académica. Pero ter un currículo do que estou plenamente orgullosa parece que non é suficiente cando es muller nun mundo laboral feito para homes. Isto non é nada novo. Hai oficios vencellados ó que se supón “masculino” e “feminino” dende sempre, pero isto vólvese feroz cando se fala da verbena. A muller está excluída de ser produtora dunha festa, porque no momento en que a produce deixa de ser o obxecto de consumo.
Frases como “a ti téñente por guapa”, “ese instrumento é de homes” ou incluso “as mulleres dan problemas nas charangas” son frases que imposibilitan a participación neste sector en moitas ocasións. Os conservatorios están repletos de rapazas pero a participación feminina neste tipo de agrupacións é infrecuente e extraordinaria.
Inda que sexa un andar miudiño o que levamos no mundo da verbena (e noutros), non podo deixar de agradecer as iniciativas de mulleres e para mulleres, como son esas formacións que tratan de rachar con iste concepto masculino, antigo e rancio do que se nos exclúe como profesionais.
Artigo de Salomé Garrido, titulada Superior en Piano