Avante Ourense presentou as súas propostas en materia de educación dentro da campaña «Ourense merece máis», na que reclama un maior compromiso do Concello coa comunidade educativa.
A plataforma defende medidas para mellorar os centros escolares, reforzar o apoio ás familias e ampliar a colaboración co Campus de Ourense, aínda que lembra que as competencias principais corresponden á Xunta de Galicia.
Avante Ourense propón climatizar os centros educativos e reforzar os conserxes
Entre as iniciativas destaca a reposición inmediata do persoal de conserxería de titularidade municipal, co obxectivo de evitar que os centros educativos queden sen este servizo por falta de substitucións.

Outra das propostas centrais consiste na posta en marcha dun Plan de Climatización dos centros educativos públicos, que se desenvolvería mediante un convenio coa Xunta. A iniciativa inclúe actuacións como a renaturalización dos patios, a creación de zonas de sombra, a plantación de arborado e outras medidas para adaptar os colexios e institutos ás altas temperaturas.
“Non podemos aceptar que cada ano o alumnado e o profesorado teñan que soportar temperaturas extremas nas aulas e nos patios mentres as administracións se pasan a responsabilidade dunhas a outras. O Concello ten que asumir o liderado, facer todo o que estea nas súas mans e esixir á Xunta que cumpra tamén coa súa parte”, afirmou Francisco Diéguez, portavoz da plataforma.
A formación tamén propón un Plan Municipal de Mantemento dos centros educativos, a apertura dos patios escolares fóra do horario lectivo, a creación de camiños escolares seguros, novas axudas municipais ás familias, o reforzo da colaboración co Campus de Ourense e a constitución dun Consello Municipal da Educación.
Segundo explica Avante Ourense, estas iniciativas forman parte da sétima das dez áreas estratéxicas da campaña «Ourense merece máis», coa que a plataforma continúa difundindo as súas propostas para a cidade.

