A Festa das Letras Galegas 2025 en Seixalbo reunirá veciñanza e cultura durante tres días de actividades organizadas pola Asociación Agromadas.
A Asociación Cultural Agromadas convoca á veciñanza de Seixalbo a celebrar as Letras Galegas 2025. Para esta celebración conta cun amplo programa de actividades que se desenvolverán os días 16, 17 e 18 de maio.
Seixalbo celebra as Letras Galegas 2025 con homenaxe ás cantareiras
A programación aposta por poñer en valor a lingua galega a través da música tradicional, o traballo artístico e o recoñecemento ao legado das mulleres da terra.
O venres 16, ás 20:30h, abrirase a festa cun concerto do grupo Trovare no Liceo de Ourense. Esta actuación marcará o inicio dunha fin de semana chea de cultura e participación comunitaria.
O sábado 17, pola mañá, a mocidade e voluntariado decorarán as rúas de Seixalbo con carteis e traballos adicados ao Día das Letras Galegas. Pola tarde, a partir das 18h, os máis pequenos serán protagonistas con actividades específicas. Estres as propostas figuran un obradoiro de marcapáxinas, xogos de mesa, merenda e proxección de cine infantil.
O acto central será o domingo 18, ás 19h, na praza do Cabildo, cunha homenaxe ás Cantareiras de Galicia. O evento contará coa música dos guitarristas M. Herminio e Mario González. Tamén haberá cantos e bailes tradicionais interpretados polo grupo de gaitas Os Amigos, o Grupo Cantigas de Seixo e As Cantareiras de Seixalbo, símbolo do patrimonio oral e musical do lugar.

Estas actividades reafirman o compromiso da vila de Seixalbo coa defensa da cultura galega, nunha edición das Letras Galegas que pon o foco na memoria colectiva e na identidade popular.