Os cazadores do coto de caza de Rairiz convocaron unha manifestación para os días 22 e 23 de febreiro ás 12 da mañá diante da praza do Concello.
Segundo denuncian, levan meses sufrindo agresións, insultos e coaccións por parte dun veciño da localidade, impedíndolles gozar da caza e do monte con tranquilidade.
Manifestación en Rairiz para reclamar seguridade e respecto ante situacións de acoso
Os organizadores do acto destacan que este problema non só afecta aos cazadores, senón que tamén varios veciños de Rairiz xa foron vítimas de situacións similares, mesmo dentro dos seus propios domicilios. Por este motivo, fan un chamamento a toda a veciñanza para participar na protesta e reclamar seguridade para todos.
A mobilización busca esixir respecto e o cumprimento dos dereitos dos veciños, xa que consideran que a convivencia e a seguridade no concello están a verse alteradas pola actitude dun único individuo. Con esta manifestación, demandan medidas urxentes para garantir a tranquilidade e o benestar da comunidade.

COMUNICADO ÍNTEGRO DOS CAZADORES DO COTO DE CAZA DE RAIRIZ
Os cazadores do coto de caza de Rairiz manifestámonos:
Ante a problemática sufrida nestes últimos meses, por parte dun veciño deste concello, e que nos impide disfrutar da caza e do monte, agredíndonos, insultándonos e coaccionándonos.
Convocamos unha manifestación para os días 22 e 23 de febreiro ás 12 da mañá diante da praza do Concello.
Este problema non só afecta aos cazadores, senón que xa ten afectado a varios veciños de Rairiz, que sofren día tras día a mesma problemática, incluso dentro dos seus propios domicilios.
Polo cal convocamos a todos os veciños de Rairiz a que se manifesten, xa que queremos seguridade tanto para a caza como para calquera veciño que poida vivir ou pasear tranquilo por este concello.
Con esta manifestación esiximos respecto, xa que os dereitos de todos os veciños vense alterados por culpa dun único veciño.
XUSTIZA XA!