Noticias

A Poza das Ras contará cun memorial aos catro republicanos asasinados en 1936

A Poza das Ras, en Verea, contará desde o próximo sábado, 29 de agosto, cun memorial dedicado aos catro veciños asasinados en 1936 por elementos sublevados contra a República.

Esta escultura, obra do artista Xoán Torres Cidre, será inaugurada ás 12:30 horas no mesmo lugar onde aconteceron os feitos hai 90 anos.

A Poza das Ras contará cun memorial aos catro republicanos asasinados en 1936

A xornada comezará ás 11:00 horas na Casa da Cultura de Verea cunha visita guiada á exposición Presas e Mestras.

A Poza das Ras contará cun memorial aos catro republicanos asasinados en 1936
Foto: Comité da Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

Posteriormente, na Poza das Ras, terá lugar o acto de inauguración, coa participación do alcalde, José Antonio Pérez Valado; o presidente do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, Hixinio Araúxo; e familiares das vítimas. O poeta Baldo Ramos tamén intervirá coa lectura dun texto creado para a ocasión.

Os catro homenaxeados

O memorial lembra a Amadeo López Bello, mestre en Beiro e militante do Partido Republicano Radical Socialista; Julio González Álvarez, mestre en Gontán e membro da Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense; Eloy Romero Luis, farmacéutico en Leiro e presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense; e Silvio Torres Díaz, veciño do Couto e chofer.

Os catro foron detidos nas semanas previas e trasladados ao cárcere de Celanova. O 29 de agosto de 1936 foron sacados do cárcere e asasinados a tiros na Poza das Ras, á beira do río Ourille. Os seus corpos permaneceron expostos durante varias horas no lugar.

As familias de Eloy Romero, Julio González e Silvio Torres confirmaron a súa presenza na homenaxe e achegarán os seus testemuños persoais durante o acto.

Solicitude para declarar o lugar de memoria

O Concello de Verea e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova solicitaron en 2023 ao Estado a declaración da Poza das Ras como Lugar de Memoria, ao abeiro da Lei 20/2022 de Memoria Democrática.

Segundo os promotores, trátase da primeira petición deste tipo presentada na provincia de Ourense desde a entrada en vigor da norma. A declaración permitiría incorporar o espazo ao inventario estatal de lugares de memoria y reforzar a súa función conmemorativa, didáctica e de divulgación histórica.

Botón volver arriba