A exposición Presas e Mestras. A represión sobre as mulleres na comarca de Celanova chega a Verea, terceiro concello que acolle esta mostra tras o seu paso por Celanova e Ramirás.
As instalacións da Casa da Cultura de Verea acollerán a exposición do 17 ao 31 de agosto, en horario de 9:00 a 14:00 horas, con entrada libre e gratuíta.
Presas e Mestras chega a Verea para recuperar a memoria da represión franquista contra as mulleres
A primeira visita guiada terá lugar este luns, ás 12:00 horas. Os horarios das seguintes visitas anunciaranse nos próximos días en coordinación co Concello.

Impulsada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, a mostra está comisariada pola historiadora Rosa Cid Galante e conta co deseño gráfico de Adriana Pérez. Reúne documentos inéditos, fotografías, expedientes oficiais e testemuños familiares para reconstruír a historia de decenas de mulleres represaliadas durante a Guerra Civil e a ditadura franquista.
A exposición articúlase arredor de dous eixos. Por unha banda, aborda a situación das mulleres encarceradas no cárcere feminino de Celanova entre 1936 e 1938. Por outra, recupera a memoria das mestras depuradas pola ditadura por defender os valores da escola pública republicana.
A chegada a Verea ten ademais un significado especial pola presenza na mostra de Áurea González, mestra depurada e veciña do concello. Áurea era irmá de Julio González, mestre da ATEO que foi paseado na Poza das Ras en agosto de 1936.
O proxecto é froito de varios anos de investigación do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova. A mostra pretende así recuperar nomes, historias e testemuños de mulleres vítimas da represión franquista, contribuíndo á preservación da memoria democrática na comarca de Celanova.