O servizo de recollida de residuos e limpeza viaria do Concello de Ourense inicia unha nova etapa coa incorporación da nova empresa concesionaria, Eco Auriense, que asumirá a xestión deste servizo durante os próximos dez anos.
A Praza Maior acolleu esta mañá a presentación oficial da nova concesionaria, nun acto no que participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro de Medio Ambiente, Francisco Lorenzo, e responsables da UTE formada por SA de Obras y Servicios Copasa, SA e Setec Building, SL. Tamén estiveron presentes unha trintena de traballadores e traballadoras que amosaron parte dos novos medios xa incorporados ao servizo, entre eles varredoras, carritos e triciclos.
Ourense inicia unha nova etapa na limpeza viaria con Eco Auriense
O contrato abrangue a recollida de residuos domésticos, a xestión dos puntos limpos e a limpeza viaria da cidade. A adxudicación realizouse por acordo da Xunta de Goberno Local, ao considerar a oferta de Eco Auriense como a de mellor relación calidade-prezo.

A concesión ascende a 15.222.914,91 euros anuais, IVE incluído, o que representa unha baixa do 6,15%, e terá unha duración de dez anos, entre 2026 e 2036.
O alcalde destacou especialmente que o contrato foi adxudicado a unha empresa ourensá, que presentou, segundo salientou, a mellor proposta técnica e tamén a máis vantaxosa economicamente para o Concello.
“Realmente é o Santo Grial de calquera concesión: darlla a quen fixo a oferta máis barata e á que máis ofrecía”, afirmou Pérez Jácome.
O rexedor asegurou que a incorporación da nova maquinaria permitirá unha mellora progresiva do servizo, coa previsión de completar todos os medios previstos durante os próximos meses.
“Vai haber unha mellora paulatina, e irá chegando a nova maquinaria en breve, de xeito que estea todo completado en marzo. É unha mellora e un salto de calidade”, concluíu o alcalde.

