As obras de acondicionamento e mellora da accesibilidade da Praza da Lexión, na Carballeira, comezaron cun orzamento de 917.488,90 euros e un prazo de execución de tres meses.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, asistiron ao inicio dunha actuación que busca renovar este espazo e facilitar o seu uso por parte da veciñanza.
A Praza da Lexión inicia a súa renovación integral
A intervención inclúe a creación dun itinerario peonil perimetral, a eliminación dos chanzos nos accesos á zona central e unha nova distribución das áreas de xogos infantís e elementos biosaudables. Tamén se ampliará a zona da praza situada arredor da fonte, que será substituída por unha instalación de chorros interactivos.

O proxecto contempla ademais a renovación dos xogos infantís, equipamentos biosaudables, iluminación e mobiliario, así como das redes de abastecemento e saneamento. Os pasos peonís existentes serán mellorados coa instalación de redutores de velocidade trapezoidais.
O proxecto está promovido polo Concello e será financiado nun 60% con fondos FEDER da Unión Europea e nun 40% con fondos municipais, no marco do Plan EDIL. A Deputación de Ourense achegará outros 4.500 euros a través do seu programa especial de cooperación.
Jácome definiu a Praza da Lexión como un espazo “emblemático” da Carballeira que, segundo afirmou, “pedía a berros” esta intervención. Lorenzo destacou tamén a súa masa arbórea, que cualificou como un “refuxio climático”.

