O orzamento do Concello de Ourense entra na súa fase final antes de ser presentado ao Pleno municipal.
Este documento atópase agora en intervención, onde se está a realizar a correspondente fiscalización, coa data límite do 15 de maio para a emisión do informe preceptivo.
O orzamento de Ourense, listo para o Pleno do 23 de maio
Tras manter negociacións cos grupos da oposición, o Goberno local ten previsto convocar unha sesión extraordinaria do Pleno o vindeiro 23 de maio para someter a votación o proxecto orzamentario. No caso de non obter os apoios necesarios para a súa aprobación, o alcalde Gonzalo Pérez Jácome avanzou que recorrerá á fórmula da cuestión de confianza para forzar a súa entrada en vigor.
O novo orzamento municipal prevé un incremento do 10% respecto ao do ano 2020. Un dos principais cambios prodúcese no capítulo de gasto social, que medrará un 20%, segundo recolle o documento.
No que respecta aos ingresos, o Goberno mantén conxelados todos os impostos locais, como o IBI ou o imposto de vehículos, así como case todas as taxas municipais. A única excepción é a tarifa da auga, que se actualiza por esixencia da Comisión Europea.

Ademais, o executivo municipal realizou unha revisión das bases de execución, a normativa que rexe a aplicación dos orzamentos, co obxectivo de harmonizalas coas dos concellos de gran poboación.