O Concello de Ourense presentará alegacións ao proxecto da nova vía de acceso ao CHUO desde a N-525, impulsado pola Xunta de Galicia, ao considerar que non responde ás necesidades da cidade nin encaixa co PXOM en tramitación.
O Goberno municipal lembra que o Pleno aprobou en xaneiro de 2025 reclamar a execución completa da conexión entre a N-525 e Barrocás, para mellorar os accesos ao hospital e desconxestionar Marcelo Macías e Ramón Puga.
Ourense alegará contra o acceso ao CHUO desde a N-525
O Concello critica que a proposta autonómica remate na avenida do Regato e non chegue ao CHUO, ademais de descartar o bulevar de 35 metros previsto no planeamento.

“Pasan por riba das nosas demandas, pasan por riba do PXOM e iso repercute en solos urbanizables que quedan descolgados”, sinalan desde o Goberno municipal.
Os informes dos servizos de Planeamento e Infraestruturas tamén advertiron de carencias e incompatibilidades co planeamento urbanístico, que poderían xerar custos adicionais nos futuros desenvolvementos urbanísticos.
As alegacións presentaranse durante o período de información pública, que comezará mañá.

