O Ourense Atletismo sumou tres trofeos nos Campionatos Galegos Sub16 e Sub20 de clubs, cun título autonómico e dous podios máis.
Foi unha fin de semana de gran nivel competitivo para o atletismo ourensán.
Tres trofeos para o Ourense Atletismo nos Galegos Sub16 e Sub20
O Club Ourense Atletismo protagonizou unha destacada actuación nos Campionatos Galegos de Clubs Sub16 e Sub20, celebrados esta fin de semana, cun balance de tres trofeos: campionato autonómico feminino na categoría Sub20, subcampionato feminino en Sub16 e un terceiro posto masculino tamén en Sub16. Ademais, o equipo masculino Sub20 ocupou a sexta praza nunha clasificación moi disputada.
Categoría Sub16
As mulleres Sub16 estiveron moi preto do triunfo, rematando segundas cun total de 217 puntos, a só 4,5 puntos do Atletismo Feminino Celta. O equipo ourensán logrou tres primeiros postos, tres segundos e dous terceiros. As vitorias individuais foron para Claudia Pérez nos 3.000 metros (11:04.70), Usúe Bernárdez nos 1.500 (5:32.69) e Paula Carrión en salto con pértega (3.11 m).
Na mesma categoría, os rapaces protagonizaron unha gran remontada pola tarde que lles permitiu acadar o terceiro posto, sumando 128 puntos. A sete puntos do Celta e cunha mínima vantaxe de tres sobre o Sada, o Ourense Atletismo conseguiu unha vitoria, catro segundos postos e tres terceiros. O triunfo individual foi para Mario Casal en lanzamento de martelo (4 kg), cun mellor intento de 38.96 metros.

Categoría Sub20
Na categoría Sub20, o conxunto feminino impúxose con autoridade, proclamándose campión galego con 196 puntos, trinta máis que o segundo clasificado, o A.F. Celta. As atletas ourensás obtiveron sete vitorias, sete segundos postos e dous terceiros. As primeiras posicións foron asinadas por Icía Ares nos 5.000 marcha (26:12.18), Aitana Capeáns en disco (40.29 m), Iria Solera en altura (1.70 m), Sabela Castelo nos 3.000 (9:37.38), Rebeca Fernández en pértega (3.00 m), o relevo 4×100 (50.76) e o 4×400 (4:06.34).
Os homes Sub20 finalizaron sextos con 107 puntos, lonxe dos 142 que lle deron o terceiro posto ao C.A. Santiago. A descalificación no 4×100 condicionou o resultado dun equipo que sumou dúas vitorias, tres segundos postos e un terceiro. Hugo Casañas impúxose en peso (6 kg) con 16.46 metros, mentres que Nicolás Collazo, atleta do filial Xuncas, venceu nos 5.000 marcha cun tempo de 22:26.54.