O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, realizou unha visita institucional a Chaves para reforzar os lazos de colaboración entre ambas cidades.
A visita permitiu reforzar a relación histórica e xeográfica entre dous municipios separados por apenas 95 quilómetros.
Jácome visita Chaves para reforzar lazos institucionais
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, viaxou este martes, 20 de maio, á cidade portuguesa de Chaves para manter unha xuntanza institucional co seu homólogo luso, Nuno Vaz. O encontro tivo lugar na Cámara Municipal de Chaves, onde tamén estiveron presentes o vicepresidente, Francisco António Chaves, e a concelleira Paula Fernanda da Mota.
Durante a reunión, exploráronse novas vías de colaboración institucional e cultural. “Chaves é un municipio irmán, o concello portugués máis próximo a Ourense e co que temos unha relación moi estreita”, afirmou Pérez Jácome, quen destacou o alto número de visitantes flavienses que acoden con frecuencia á cidade galega.
O encontro incluíu unha recepción na Alcaldía, intercambio de produtos e agasallos institucionais, así como a lembranza da recente visita do alcalde de Chaves a Ourense, onde participou na promoción da tradicional Festa do Bacallau. Neste contexto, Pérez Jácome propuxo a posibilidade de promocionar en Chaves algunhas das festas máis emblemáticas de Ourense, como o Halloween ou o Entroido, co obxectivo de atraer visitantes do norte de Portugal. “As portas quedan abertas”, sinalou o rexedor.

A xornada completouse cunha visita aos principais recursos turísticos de Chaves, como a ponte romana, os balnearios e o centro histórico. “Estreitamos lazos e foi unha visita enriquecedora”, concluíu Pérez Jácome, valorando moi positivamente o achegamento entre dúas cidades que comparten historia, cultura e proximidade.