O Concello de Ourense celebrou este martes un acto institucional para homenaxear a Alexandre Bóveda no 122 aniversario do seu nacemento.
O acto tivo lugar diante da súa casa natal na rúa da Barreira.
Ourense homenaxea a Alexandre Bóveda no 122 aniversario do seu nacemento
O político e intelectual ourensán Alexandre Bóveda foi lembrado este martes nun acto institucional que tivo lugar coincidindo co 122 aniversario do seu nacemento.
No evento participaron representantes de todos os grupos políticos municipais (Democracia Ourensana, PP, PSdeG-PSOE e BNG), da Deputación Provincial de Ourense e da Fundación Alexandre Bóveda.
A concelleira Tamara Silva, en representación do goberno municipal, destacou a figura de Bóveda como “insigne fillo da nosa cidade e mártir do galeguismo”. Subliñou o seu compromiso inquebrantable co pobo galego e coa democracia, afirmando que “a mellor homenaxe que podemos facer á súa figura é converter simbolicamente o seu sangue de mártir no zume da árbore da Democracia”.
Tamén fixo un chamamento á responsabilidade colectiva para defender os valores que Bóveda encarnou: liberdade, xustiza, pluralidade e diálogo. Advertiu, ademais, do risco actual de retrocesos democráticos nun contexto global de conflitos bélicos e crises económicas que poderían favorecer a emerxencia de réximes totalitarios.
A concelleira lembrou que con Bóveda tamén se honra a todas aquelas persoas represaliadas pola defensa das súas ideas durante o franquismo. Moitas delas foron vítimas da persecución, do desterro e mesmo da morte, lembrou Silva.
O secretario da Fundación Alexandre Bóveda, Ernesto Vázquez Rei, expresou a súa satisfacción pola continuidade deste acto institucional, destacando que “celebrar a Bóveda é celebrar a democracia”. Reivindicou a súa figura como símbolo da loita polos dereitos e liberdades, e advertiu da súa fragilidade: “poden verse minguadas en calquera momento”.

O acto pechouse coa tradicional ofrenda floral diante da escultura de Bóveda, obra do artista Buciños. Non faltou a interpretación do himno galego a cargo da agrupación Redegaita.