Esta mañá quedou inaugurado o «Proxecto de Humanización e Mobilidade Vertical no entorno da Praza das Mercedes e da rúa Arturo Pérez Serantes«.
Esta actuación forma parte do proxecto de transformación do centro urbano de Ourense.
Ourense transforma o centro coa nova mobilidade vertical nas Mercedes
O alcalde, membros da corporación municipal e veciños da zona participaron no acto de apertura desta obra, pensada para priorizar ás persoas fronte aos vehículos.
O proxecto abrangue a rúa Arturo Pérez Serantes, unha arteria fundamental da cidade, entre a Praza das Mercedes, ao sur, e a rúa San Francisco, ao norte. Ata agora, o espazo estaba dominado polo estacionamento de vehículos, co espazo peonil reducido a unha zona secundaria, malia contar con árbores e mobiliario urbano.

A intervención contou cun orzamento de licitación de 2.087.855 euros e foi executada pola empresa Extraco, Construccións e Proxectos S.A. no prazo previsto de 10 meses. A financiación chegou en parte a través dos fondos Next Generation, cunha achega de 467.714,81 euros.
Esta actuación forma parte do plan Ourense Vertical, que promove a mellora da accesibilidade mediante solucións mecanizadas e sostibles. Súmase así ás actuacións xa en marcha noutras zonas como Concordia, A Milagrosa, A Carballeira, Avilés de Taramancos e Rosalía de Castro.

Con esta obra, de feito, dálle continuidade ao itinerario mecanizado que parte de Avilés de Taramancos, atravesa Concordia e agora permite chegar á zona alta da cidade, xusto aos pés do Auditorio Municipal.