O Concello de Ourense impulsará nas próximas semanas as obras de humanización e mellora da mobilidade vertical na Rampla de Sas, cun investimento de 3,6 millóns de euros.
A actuación inclúe a instalación de seis ramplas mecánicas que permitirán superar a forte pendente que conecta a Praza do Couto co Instituto do Couto, nun dos puntos máis emblemáticos do barrio.
Ourense licita a humanización da Rampla de Sas con 6 ramplas mecánicas
O goberno municipal xa recibiu o proxecto técnico definitivo, que conta cos informes favorables para iniciar o procedemento de contratación. Esta obra súmase á prevista na rúa Vasco Díaz Tanco, no barrio da Cuña.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, cualificou esta actuación como un “superproxecto” e salientou o seu impacto positivo para a veciñanza: “A Rampla de Sas é unha das máis icónicas do Couto e de toda a cidade. Esta infraestrutura resolverá unha barreira orográfica histórica que dificulta a mobilidade nunha zona con alta densidade de poboación e con equipamentos educativos de referencia”.
A nova infraestrutura beneficiará aos residentes de rúas como Francisco Asorey, Silvio Fernández e a urbanización próxima, e mellorará o acceso a zonas como Salto do Can, Rabo de Galo, Cabeza de Vaca e a Carballeira. As ramplas facilitarán os desprazamentos a pé, especialmente para persoas maiores, escolares e residentes con mobilidade reducida.