O Concello de Ourense pechará o exercicio económico 2024 cun remanente de tesouraría histórico de 155 millóns de euros, segundo anunciou o alcalde Gonzalo Pérez Jácome no pleno extraordinario celebrado esta mañá.
O Concello de Ourense alcanzará ao rematar 2024 un remanente de tesouraría de 155 millóns de euros, 32 millóns máis que no exercicio anterior, cando a cifra acadara os 123 millóns.
Ourense pecha 2024 cun remanente de 155 millóns de euros
Así o confirmou este domingo o alcalde Gonzalo Pérez Jácome durante unha sesión extraordinaria do pleno municipal, na que destacou a “solvencia económica moi grande” das arcas municipais.
Segundo explicou o rexedor, o documento de peche económico atópase en fase de fiscalización pola intervención municipal, pero xa anticipa este superávit “récord”, froito —asegura— dunha xestión eficiente do gasto e dunha boa captación de fondos doutras administracións. “Temos máis de 40 millóns de euros líquidos, dispoñibles e libres de compromisos, que mobilizaremos nos vindeiros meses”, anunciou.
Pérez Jácome fixo fincapé en que arredor de 100 millóns xa están comprometidos para proxectos e investimentos, mentres que os fondos restantes permitirán executar novas actuacións en toda a cidade. “Somos o Concello con máis superávit e con máis diñeiro en caixa de toda España. Non só non estamos en bancarrota, como dicía a oposición, senón que estamos na situación oposta”, afirmou o alcalde.

O mandatario municipal reiterou que “os cartos non poden estar no banco” e que “o diñeiro dos cidadáns debe estar na rúa”, polo que o Concello continuará mobilizando recursos para obras e servizos. Avanzou tamén que o goberno local prevé levar ao pleno, entre agosto e setembro, varias modificacións de crédito destinadas a executar numerosas actuacións pendentes.
Entre os proxectos sinalados por Pérez Jácome figuran a instalación de escaleiras mecánicas na Rampla de Sás, na rúa Vasco Díaz Tanco (A Cuña), na Praza 200 (antiga estación de autobuses) e na Praza 500 (estrada da Granxa). Tamén se contemplan máis de vinte parques infantís —algúns deles cubertos—, piscinas de barrio e a renovación de contedores de lixo.