O grupo municipal socialista de Ourense denuncia que a cidade non contará cunha programación cultural de verán, ao contrario que outras urbes galegas.
A concelleira Cristina Cruz sinala que “o Concello de Ourense non ofrecerá nin concertos, nin teatro, nin actividades para a cativada, nin un calendario de eventos que dea vida á cidade nos vindeiros meses estivais”.
O PSdeG critica que Ourense quede sen programación cultural no verán
Así o lamentou no pleno ordinario de xuño, tras preguntar ao goberno local se tiña prevista algunha programación cultural para o verán.
A resposta do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, non deixou lugar a dúbidas: haberá eventos privados e asegurou que “as nosas festas non coinciden co verán”. Por ese motivo non se contempla unha programación alternativa para a veciñanza nin para quen visite a cidade durante a tempada estival.

“Mentres outras cidades galegas levan semanas anunciando festivais, ciclos culturais e actividades nas rúas, aquí, o executivo local volve amosar unha total falta de planificación e interese pola cultura”, criticou Cruz. Desde o PSdeG lembran que levan tempo denunciando o que consideran un abandono da área cultural por parte do goberno local.
A edil socialista advirte de que Ourense non pode permitirse “outro verán máis sen cultura, sen alternativas de ocio público e sen apoio aos nosos e ás nosas artistas”, e acusa Democracia Ourensana de reducir o concepto de cultura a “orquestras e charangas”.
“A cultura é moito máis que entretemento: é arte, é convivencia, é orgullo de cidade. E o Concello de Ourense está fallando á cidadanía unha vez máis”, sentenciou Cruz.