Paco Rodríguez, candidato á alcaldía do PSdeG-PSOE, presentou un programa para potenciar o benestar social no concello de Ourense.
O candidato socialista estivo acompañado no acto por Carlos Montero, integrante da candidatura do PSOE ás eleccións municipais do 28 de maio.
Paco Rodríguez presentou un programa para potenciar o benestar social
«O 25% da poboación ourensá ten máis de 65 anos e isto é algo que fala moi ben de nós como sociedade. Pero tamén xurde un novo problema: a soidade non desexada» comezou indicando Montero.
Ante esa situación, a proposta lanzada comeza cun programa de coidadores e coidadoras. Estes terían como misión visitar ós maiores e persoas dependentes para facilitarlles as tarefas diarias. Acompañalos nas citas médicas, trámites administrativos e outros recados sería unha das tarefas a realizar. «A soidade ten efectos na saúde dos cidadáns e cidadás, aparta a esas persoas e as empurra á exclusión social. Polo tanto, require medidas concretas».
Outro dos puntos a revitalizar é do dos centros cívicos. «Neles poden organizarse actividades culturais, de encontro interxeracional onde a xente maior e a mocidade intercambien experiencias e coñecementos». Os barrios do Couto, As Lagoas, San Francisco e O Vinteún serían os lugares nos que se construirían novos centros cívicos.
O Plan Municipal de Accesibilidade, axuda no fogar e o comedor sobre rodas son outras das accións que os socialistas propoñen reforzar. «Con esta batería de propostas, o noso obxectivo será a consolidación dun sistema público, universal, gratuíto e equitativo de servizos sociais como o cuarto piar do Estado de Benestar» destacou Paco Rodríguez.