Desde a formación política Ribeiro en Común piden ó concello de Ribadavia unha posición clara contra a instalación dunha «megabalsa» no Coto de Novelle.
Esta instalación súmase ás xa anunciadas dunha planta solar fotovoltaica e un novo parque eólico e pendentes da autorización da Xunta de Galicia.
Piden unha posición clara contra a «megabalsa»
Desde Ribeiro en Común sinalan o «terrible impacto» que supoñen estas instalacións ante o escaso beneficio laboral e económico para a comarca do Ribeiro.
A plataforma «Stop Eólicos» xa anunciou unha campaña en contra da instalación da macro planta fotovoltaica e desde Ribeiro en Común solicitan un fronte común dos distintos grupos municipais da comarca do Ribeiro. Entenden nesta formación política que estes proxectos só benefician a «empresas que veñen aquí a enriquecerse» e que «supoñen unha agresión ao medio natural e a nosa fauna».

En relación á Megabalsa, esta instalación estaría situada no Coto de Novelle, a 700 metros de altura. Ocupando unha superficie próxima ás 22 hectáreas, esta Megabalsa tería unha capacidade de 1,36 hectómetros cúbicos de auga. Membros da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza lembran que estas instalacións poden modificar o microclima da zona.