Noticias

Nova piscina lúdica no Parque de Angelita Paradela de Ourense

O Parque de Angelita Paradela contará cunha nova área lúdica acuática cun investimento de 1,09 millóns de euros, segundo anunciaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, durante o inicio das obras.

A actuación, dispón dun orzamento base de licitación de 1.094.324 euros e ten un prazo de execución estimado de oito meses. O Concello prevé que a instalación estea lista para o verán do próximo ano.

Nova piscina lúdica no Parque de Angelita Paradela de Ourense

O proxecto contempla unha zona de chapoteo para nenos pequenos, unha área de chorros e unha piscina lúdica en forma de praia, cunha superficie aproximada de 250 metros cadrados. A lámina de auga terá diferentes profundidades, desde unha zona superficial ata 1,60 metros.

Nova piscina lúdica no Parque de Angelita Paradela de Ourense
Foto: Concello de Ourense.

“Comeza unha obra que vai mellorar a calidade de vida de Barrocás e de Ourense cidade”, destacou Jácome, que tamén puxo en valor que os traballos sexan executados por unha empresa local.

Segunda piscina de barrio

Francisco Lorenzo explicou que a actuación de Barrocás é a segunda piscina de barrio prevista polo Concello, despois da do Parque de Canedo, na Ponte, que xa se atopa en construción. A seguinte está prevista no barrio de Covadonga.

O concelleiro sinalou que o obxectivo municipal pasa por dotar aos principais barrios da cidade deste tipo de equipamentos para incrementar as alternativas de ocio e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Unha instalación integrada no parque

Ademais das zonas de baño, o proxecto incorpora control de acceso, aseos, vestiarios, espazo de vixilancia e primeiros auxilios, duchas exteriores e instalacións soterradas. Tamén se habilitará unha ampla praia arredor da piscina, zonas de transición para pés limpos e sucios e novos espazos axardinados.

A actuación busca crear un espazo aberto e de baixo impacto visual. O edificio de servizos estará formado por dous volumes de formigón visto, destinados aos vestiarios e ás áreas de traballo e instalacións.

A cuberta vexetal permitirá integrar a construción na contorna do parque e reducir o impacto visual da nova infraestrutura.

“Queremos que todos os grandes barrios de Ourense teñan este servizo”, afirmou Lorenzo, que confía en que a instalación poida estar dispoñible o próximo verán.

Botón volver arriba