Polémica e Netflix collidos da man – Millán Brea Castro – Doutor en Ciencias da Educación.
Polémica…creada?
“Compañeros”, “South Park”, “Física o Química”, “La que se avecina”, “Black Mirror”, “Juego de Tronos”, “Rick y Morty”, “The Boys”… E así, un longo etcétera de series que non son recomendadas para menores, pero que si son consumidas por este colectivo. Houbo polémica?
Por que agora coa famosa serie de Netflix “El juego del Calamar” estamos a cuestionar que ve a nosa mocidade? Pois sinceramente, non teño nin idea, pero sospeito que é un fantástico exercicio de publicidade dunha compañía audiovisual para estar no foco da polémica todo o tempo (e funciona!).
Pero imos intentar un exercicio de empatía con detractores/as e simpatizantes. Durante as últimas semanas escoitamos cousas como:
- “As crianzas xogan no patio dos colexios a matar persoas emulando o xogo”
- “Hai demasiada violencia e moi explícita”
- “Estanse convertendo en persoas violentas vendo este tipo de series”
- “Pois non é para tanto, hai cousas peores e o cine coreano é moi duro”
- “Se poden ver escenas de sexo, tamén poden ver isto”
- “A nosa mocidade está insensibilizada”
Pensemos por un lado, que xa existen diversas xeracións na nosa sociedade que conviviron coa televisión como acompañante de largas tardes de deberes e chuvia. Xeracións que coñecen a Rambo, Hulk Hogan ou Songoku . Xeracións que aborrecen a violencia e son conscientes do que é unha serie é unha serie, un videoxogo é un videoxogo, e que forman parte da cultura do lecer que tanto nos gusta e que tanto consumimos (pero que non levamos á nosa vida diaria)
Pensemos tamén, que se cada unha destas xeracións, fose absorbida totalmente por cada unha das series anteriores, estariamos ante unha batalla campal a diario, cunha convivencia imposible.
E con isto, sen quitar nin restar un ápice de importancia a todo o que pode rodear á violencia que reciben as nosas crianzas, temos que facer un exercicio de reflexión previo antes de caer no drama e na banalización.
O problema non é a creación audiovisual, nin as redes sociais, nin que unha serie teña como obxectivo “cargarse a xogadores/as”, está no traballo familiar e escolar de socialización. A educación “con maiúsculas”.
A nivel educativo, unha das claves, sempre é a estratexia para manexar as situacións. Ou sexa, se prohibimos sen explicación, estamos provocando nas crianzas unha motivación maior do que realmente é. Se explicamos, escoitamos, e acompañamos (sen necesidade de visionar a propia serie), estaremos facendo un exercicio de responsabilidade moito maior que se tratamos de esconder o sol cun dedo.
Teñamos claro que o aprendizaxe e a madurez veñen condicionados por moitos factores. Cada casa, cada familia, cada crianza é un mundo, e temos que traballar exactamente coa persoa que temos diante, non con discursos que veñen de fóra e acaban condicionándonos.
Antes de criminalizar á mocidade por consumir este tipo de series, asumamos que son o que nós educamos. E por favor, ESCOITÉMOLAS, que é o exercicio de responsabilidade máis grande que podemos facer cando aparece unha polémica como esta. Xa veredes como chegarán a sorprendernos.
Polémica e Netflix collidos da man – Millán Brea Castro – Doutor en Ciencias da Educación