O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, reuniuse coa Xunta de Galicia para abordar a situación das pozas do Muíño da Veiga
Esta reunión chega tras a orde autonómica que esixe prohibir ou desaconsellar o baño neste espazo termal.
O Concello de Ourense e a Xunta abordan o futuro das pozas do Muíño da Veiga
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mantivo esta mañá unha xuntanza cos portavoces de todos os grupos municipais, o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e técnicos das dúas administracións para analizar a situación das pozas do Muíño da Veiga. A reunión prodúcese tras a comunicación da Xunta que obriga o Concello a prohibir de xeito permanente o baño ou a desaconsellalo publicamente.
Desde a Xunta xustifican esta decisión en que o espazo non está recoñecido como zona de baño nin dispón da autorización para o seu uso como instalación termal, segundo a Lei 8/2019 de aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.
A pesar das peticións do Concello para adaptar a normativa ás particularidades destas pozas, a Xunta manifestou que non contempla modificar a lexislación vixente.
Así, o goberno galego indicou que a única vía é que o Concello tramite a catalogación das augas como termais e mineiro medicinais. Logo, será necesario acometer obras de adecuación segundo os requisitos legais, sempre que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil outorgue a autorización pertinente.
Pérez Jácome pronunciase sobre este asunto
O alcalde explicou que este proceso pode prolongarse durante un ou dous anos, dependendo dos prazos das distintas administracións. “Primeiro viría a catalogación de augas termais, que podería levar un mes ou dous, e despois a de augas mineiro medicinais, que pode tardar un ano. Despois habería que facer obras que tamén requiren autorización”, detallou Jácome.
A curto prazo, o Concello avaliará a posibilidade de reabrir as pozas con carteis informativos que alerten da prohibición ou recomendación de non bañarse. A decisión dependerá dun informe xurídico que se emitirá nas próximas 48 horas.

O alcalde insistiu en que “a auga é totalmente sana, aínda que non cumpre os requisitos que marca a Xunta”. Ademais, cuestionou algúns criterios técnicos da lei autonómica, como o que obriga a renovar as augas cada catro horas, cualificándoos de “peregrinos e arbitrarios” e sinalando que carecen de base científica sólida.