Susana Rodríguez Rodríguez convértese na primeira alcaldesa de Coles tras tomar posesión e asumir o cargo logo da renuncia de Manuel Rodríguez, que deixa a Alcaldía despois de 19 anos.
A nova rexedora destacou a responsabilidade de afrontar o último ano de mandato. Sinalou que “non é unha debilidade, senón unha responsabilidade engadida” para dar continuidade ao traballo e abrir unha nova etapa.
Susana Rodríguez, primeira alcaldesa de Coles
Rodríguez puxo en valor o carácter histórico do nomeamento. “Non é só un símbolo, é romper unha inercia histórica e ese teito de cristal”, afirmou, reivindicando o avance en igualdade e o papel das mulleres na vida pública.

Tamén apelou ao respecto institucional e ao diálogo político, ao tempo que agradeceu o labor do seu antecesor. “A política municipal non se fai desde un despacho, senón escoitando e estando ao carón da xente”, destacou.
Susana Rodríguez avanzou algunhas liñas de acción como o desenvolvemento da finca do Diestro, a conexión peonil entre Ourense e Os Peares, a recuperación de terras abandonadas e a aposta pola enerxía fotovoltaica. “A prioridade é clara: que en Coles se poida vivir, traballar e quedar”, asegurou.
Desde o PSdeG-PSOE de Ourense destacan que se trata dun fito histórico e sinalan que o relevo garante a continuidade do proxecto político municipal.