Representantes do PSdeG-PSOE propoñen a creación dun centro de educación ambiental na área recreativa de Pontegrande (Celanova).
Félix Jordán de Urríes, director xeral da Fundación Deporte Joven do Consello Superior de Deportes, Jesús Regal, técnico en xestión forestal e do medio ambiente, e Uxía Tizón, deputada no congreso, foron os encargados de lanzar esta iniciativa.
Propoñen a creación dun centro de educación ambiental en Pontegrande
A área recreativa de Pontegrande foi construída fai medio século ó carón do Río Arnoia. Esta zona presenta na actualidade unha situación de lixeiro abandono. «Por diversos motivos leva anos en decadencia continuada e o seu estado de conservación está sometido a un total abandono institucional».
O PSdeG-PSOE de Celanova propón a creación dun centro de educación ambiental neste lugar. «Dotándoo de aulas no interior e aulas naturais ao aire libre, no que o río sexa o principal protagonista do centro, incorporando ás aulas exteriores a un tramo do río, no cal se efectuarán actividades encamiñadas ao coñecemento de todos os tipos de vida acuática e a súa contorna».
Esta proposta foi aplaudida por Urríes Mur que indicou que «a práctica deportiva en contornas naturais axuda a manter o entorno e tamén a manter limpos camiños e sendeiros». Tamén indicou que «a creación de infraestruturas deportivas no medio natural axuda á seguridade do practicante, pero tamén a seguridade global do territorio».
Uxía Tizón destacou a loita contra o reto demográfico e a importancia que pode ter o deporte nese eido. «é un dos desafíos que afronta a sociedade actual, aínda que é certo que as administracións levan tempo buscando solucións para frear o despoboamento, que é un reto que temos que afrontar». Ante ese reto, Tizón recorda que «para logralo, é necesario integrar as políticas deportivas nas estratexias de loita contra o despoboamento».