O grupo municipal socialista de Ourense esixe acceso inmediato ao ditame negativo da Xunta de Galicia sobre o novo PXOM, un documento que consideran cheo de eivas e afastado do interese xeral.
Este documento xa fora criticado polo PSdeG ao considerar que presenta graves carencias e non atende ás necesidades reais da cidadanía.
O PSdeG esixe acceso ao ditame negativo da Xunta sobre o PXOM
O grupo municipal socialista no Concello de Ourense vén de solicitar, con carácter urxente, o acceso ao ditame desfavorable emitido pola Xunta de Galicia sobre o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Desde o PSdeG entenden que resulta imprescindible convocar canto antes a Comisión de Seguemento do PXOM. Esta comisión debe trasladar ao resto de forzas políticas as discrepancias sinaladas recentemente pola directora xeral de Vivenda, Encarnación Rivas, en relación ao proxecto impulsado polo alcalde Gonzalo Pérez Jácome. “É este o lugar onde se debe debater. Hai que lembrar que se trata do documento máis relevante co que pode contar unha Administración municipal, e que no Concello de Ourense a normativa urbanística data de hai máis dun século”, advertiu a edil socialista María Fernández Ojea.
A concelleira denunciou tamén a “caótica cronoloxía” coa que se xestionou o proxecto urbanístico. Segundo explicou, Jácome remitíu á Xunta un documento redactado hai máis de quince anos. Este documento introduce modificacións de xeito unilateral e sen contar co respaldo técnico necesario. “Non pode ser tratado coma se estivésemos a falar dun contrato menor”, sinalou Fernández Ojea. Lembra a edil que o plan carece do aval do equipo redactor e do visto bo do interventor en materia de viabilidade económica e seguridade xurídica.
Ademais, desde o PSdeG denuncian que o plan incumpre principios normativos clave, como o Plan Sectorial de Galicia. Tamén solicitan un informe da Secretaría do Concello que determine se é obrigatorio someter o PXOM a unha nova exposición pública. “Entendemos que se inclúen modificacións substanciais que non se atopan acreditadas”, concluíu a edil.