O grupo municipal socialista do Concello de Ourense criticou este luns a actitude do alcalde Gonzalo Pérez Jácome, ao que acusan de non estar á altura institucional que lle corresponde pola súa responsabilidade como rexedor.
As críticas chegan tras o anuncio realizado polo propio Jácome nas redes sociais e a través dunha nota de prensa, no que avanzou que o seu executivo proporá unha modificación dos cadros de traballo do servizo municipal de bombeiros para “mellorar a eficiencia do servizo”.
O PSdeG de Ourense acusa a Jácome de “comportamento infantil” cos bombeiros
A concelleira socialista María Fernández cualificou a proposta de “comportamento infantil” e advertiu que, antes de abordar calquera cambio nas condicións laborais destes profesionais, “debe pagárselles o que se lles debe”. Fernández lembrou que existe unha sentenza xudicial firme que recoñece cantidades pendentes desde hai anos, e que, a día de hoxe, os bombeiros “non están a cobrar correctamente os seus salarios mensuais”.

Segundo explicou a edil, o persoal da extinción de incendios segue sen percibir correctamente os pluses de nocturnidade, festividades e horas extra. “É un problema administrativo sen resolver, malia os informes técnicos que nos consta que existen para solventar a situación”, subliñou. Ademais, lembrou que o ano pasado xa se viron afectados pola caída do Capítulo I e que, actualmente, continúan sen cobrar todos os atrasos acumulados.
Dende o grupo municipal socialista insisten en que non é razoable propor cambios nas quendas de traballo sen antes abonar os pagos pendentes. “Só posteriormente, e se os servizos xurídicos o respaldan e os empregados públicos negocian cambios, apoiaremos o que se decida dende o servizo de bombeiros e bombeiras”, concluíu Fernández.