Noticias

O PSdeG reclama transparencia na xestión económica de Ourense

O PSdeG levará ao pleno do vindeiro venres unha moción para reclamar maior transparencia, planificación e sustentabilidade económica na xestión municipal de Ourense.

A iniciativa, segundo trasladou o Grupo Municipal Socialista, pretende fiscalizar a situación financeira do Concello no último treito do mandato e evitar que a cidade quede “hipotecada” máis alá de 2027.

O PSdeG reclama transparencia na xestión económica de Ourense

A voceira socialista, Natalia González, esixiu ao Goberno municipal de Gonzalo Pérez Jácome que faga “borrón e conta nova” e aclare a realidade económica do Concello. As socialistas cuestionan o relato de que “Ourense está en obras” sexa sinónimo dunha boa xestión e reclaman información detallada sobre o estado real dos investimentos anunciados.

O PSdeG reclama transparencia na xestión económica de Ourense

Desde o grupo socialista sosteñen que a cidade atravesa unha situación económica “complexa” pola falta de planificación e polas dificultades para licitar contratos esenciais. Critican tamén o uso continuado do remanente de tesouraría, o mantemento de importantes concesións en situación precaria e o incremento dos atrasos nos pagamentos a provedores.

“Existe unha diferenza moi relevante entre anunciar unha actuación, criticala, executala, recepcionala e pagala”, subliñou Natalia González. Como exemplo, a moción menciona as estacións de carga para bicicletas eléctricas instaladas na cidade que, segundo denuncian, carecen de bicicletas e de subministración eléctrica.

O PSdeG tamén alerta da situación de servizos básicos como a auga, o saneamento, a limpeza e recollida de residuos ou o transporte urbano. Denuncia que a veciñanza está asumindo incrementos nos custos sen percibir, ao seu xuízo, melloras proporcionais nos servizos.

Cinco medidas para fiscalizar a xestión

A moción socialista reclama cinco actuacións principais:

  • Publicar antes do 31 de outubro de 2026 un balance das obras superiores aos 100.000 euros iniciadas neste mandato.
  • Transparentar o uso do remanente de tesouraría desde xuño de 2023.
  • Priorizar o pagamento das obrigas pendentes con autónomos, pemes e provedores locais.
  • Publicar a relación de servizos municipais que continúan funcionando sen contrato ordinario en vigor e a débeda acumulada.
  • Crear no Portal de Transparencia un visor que permita diferenciar as actuacións anunciadas, contratadas, iniciadas, executadas, recepcionadas e totalmente pagadas.

“Unha Administración con liquidez que tarda en pagar non ten un problema de solvencia, ten un problema moral e de xestión”, afirmou González. Considera que non deben ser os autónomos e pequenas empresas locais os que soporten as consecuencias dos atrasos e das dificultades administrativas do Concello.

Botón volver arriba