A portavoz do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense, Natalia González, reclamou unha política local “ambiciosa e transversal” de apoio á infancia, á mocidade e ás familias ante o descenso do alumnado que evidencia o inicio do novo curso escolar.
As socialistas consideran especialmente preocupante a caída nas etapas de Infantil e Primaria, con cifras que, segundo González, sitúan a cidade en mínimos históricos.
O PSOE reclama unha política municipal ambiciosa para apoiar ás familias
A portavoz defendeu que estes datos deben abrir un debate sobre “a cidade que queremos ser dentro de dez, quince ou vinte anos” e pediu non asumir o descenso demográfico como inevitable.

González lembrou que o PSOE presentou nos últimos anos propostas relacionadas coa educación, conciliación, lectura, saúde mental e natalidade, pero criticou a falta de vontade política do goberno de Democracia Ourensana para poñelas en marcha.
A portavoz socialista tamén puxo o foco nas axudas municipais para libros, material escolar e comedor. Segundo os datos achegados polo partido, máis do 78 % das solicitudes de libros e material quedaron fóra: houbo máis de 700 peticións e só 152 familias resultaron beneficiarias. No comedor, 77 solicitudes quedaron en lista de espera e outras 550 foron rexeitadas.
Ante esta situación, o PSOE reclama máis orzamento e criterios máis xustos, así como novas bolsas que respondan á realidade económica das familias ourensás.
Plan de apoio á natalidade
González lembrou que o Pleno aprobou en maio a creación dun Plan Municipal de Apoio á Natalidade e ás Familias, impulsado polo PSOE, e reclamou que pase “do papel aos feitos”. A formación propón destinar 300.000 euros ao plan Ourense Medra e 280.000 euros ao plan Ourense Suma, ademais de reforzar as partidas para comedor, libros, material escolar e conciliación.
O PSOE tamén aposta por unha programación infantil e xuvenil estable nos barrios, con acceso á cultura, lectura, deporte, música e ocio independentemente da capacidade económica das familias.
Finalmente, Natalia González defendeu que as familias deben formar parte de todas as políticas municipais, desde o urbanismo ata o transporte, a cultura ou a vivenda. “Os datos actuais deben servir para actuar con ambición e non para resignarse”, concluíu.

